Educación en Galicia

by Javier Carro

Topics: La Voz de Galicia, Spanish press

Galescolas. O vicepresidente da Xunta -Quintana- quere facer uso das concesións e pactos co PSdG-PSOE, acordados ao formar Goberno bipartito en xullo do 2005. ¿Acordo tácito ou expreso? Desde logo, express . Por causa do reparto do poder autonómico, a conselleira de Educación (Laura Sánchez Piñón, PSOE) renunciaba ás súas facultades, quedando o ciclo educativo da etapa de 0-3 anos adscrito a Familia, agora Igualdade (Vicepresidencia, BNG).

Dous anos máis tarde, froito do desencontro matrimonial de goberno e da filosofía política, fíltrase o documento do PSdG -de Ricardo Varela- no que se propón ser «belixerantes» coas galescolas. O BNG sospeita que a noticia se filtra desde Presidencia (entorno de Méndez Romeu), outra mostra de que Anxo Quintana é visto por unha gran parte da sociedade galega como un euscaldún que quere encher a cornixa galaica de ikastolas. Os ex BNG desterrados do nacionalismo afirman que vai camiño de ser o Ismail Haniya do Hamás galego. Non sei se tanto.

Agárdase da Xunta unha visión máis ampla e profunda dun tema de tanto calado e preocupación social como é a educación. Un dato: é a materia máis denunciada diante do Valedor do Pobo. No entanto, Zapatero acaba de prometer garderías a esgalla, para os nenos de 0 a 3 anos. O Goberno central di que, de case millón e medio de nenos, só un 16% están escolarizados, e pretende aumentar o diñeiro para ensino destinando o 1,5% do PIB á Universidade. Ademais, os últimos datos insisten no baixón na calidade dos resultados dos estudantes: os españois de 15 años caeron ata 20 puntos respecto ao 2003 nalgunhas materias.

En Galicia as cousas non apuntan mellor. A lóxica pide ás autoridades facer fincapé en matemáticas, lingua e máis lectura. Os mozos son SMS falantes -linguaxe e ortografía deformadas polo móbil-, navegantes virtuais, pero ler? non len. E, sobre todo, máis inglés. Comentábame recentemente Fernández Vara, presidente de Estremadura, que a súa rexión lidera o estudo de portugués en España, moi por diante de Galicia, co que a súa xente nova levará na carteira tres idiomas oficiais da UE: español, portugués e inglés. O último informe PISA sobre a educación a nivel internacional sitúa aos alumnos do noso país moi atrasados respecto a outros países da OCDE (por exemplo, Finlandia). Pais e alumnos agradecerán que Touriño e Quintana fagan reflexións sobre o galego. Cambiar o chip. Galego si, pero impartido en inglés.

 

Domingo, 23 de Diciembre del 2007

Javier Carro, La Voz de Galicia

Leave a Comment Here's Your Chance to Be Heard!